Venres 23 de Febreiro de 2018

A Xunta impulsa o obradoiro entre os concellos de Cambre e Sada, que durante os vindeiros seis meses formará a 22 persoas desempregadas en atención sociosanitaria


A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, asistiu hoxe á xornada inicial desta actividade, no que a Consellería de Traballo está a investir 196.000 euros

O obradoiro de emprego organizado polos concellos de Cambre e Sada e financiado en colaboración coa Xunta de Galicia formará a partir de hoxe e durante os próximos seis meses a un total de 22 persoas desempregadas na especialidade de atención sociosanitaria para persoas con dependencia en institucións sociais.
A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, acompañou esta mañá aos participantes na xornada de inicio desta actividade mixta de formación e emprego, na que a Consellería de Traballo investirá preto de 196.000 euros. Ao acto tamén asistiron os alcaldes de Cambre, Óscar García Patiño, e de Sada, Benito Portela.
A través deste obradoiro, as alumnas e alumnos recibirán unha formación de calidade que lles permitirá acceder en mellores condicións a un posto de traballo. Ao seu remate, obterán un certificado de profesionalidade válido en todo o territorio nacional. Neste senso, Do Campo lembrou a importancia deste documento, pois “acredita a cualificación, enriquece o currículo e mellora a empregabilidade dos beneficiarios”.
Tras a formación teórica, os 22 participantes desenvolverán a súa labor práctica en centros de referencia da área metropolitana da Coruña: nas residencias de maiores Padre Rubinos da Coruña e García Hermanos de Betanzos, no centro de día de Aspace de Sada, e nos centros de Pai Menni de Betanzos e de Aspronaga de toda a comarca. “Este obradoiro permite, por unha banda, axudar de forma directa aos máis vulnerables a prol da mellora da súa calidade de vida e benestar e, por outra, constitúe un importante xacemento de emprego de presente e futuro”, destacou a representante do Goberno galego na provincia, quen lembrou que así o corroboran os datos de inserción que manexa o departamento autonómico, que acadan o 62% nesta especialidade.
“Polo tanto, os obradoiros son un extraordinario exemplo de eficiencia e coordinación entre administracións, polo que é fundamental acadar a máxima colaboración dos concellos porque eles nos axudan a orientar os nosos esforzos e a que os programas que financiamos ofrezan os mellores resultados para os veciños e veciñas”, indicou a delegada territorial. Neste senso, recordou que na provincia da Coruña, este mes comezarán un total de 18 obradoiros en 42 concellos, que contarán cun investimento de máis de 3,26 millóns de euros. Así, con este programa beneficiaranse 367 alumnos e alumnas. En toda Galicia, desenvolveranse 50 obradoiros, chegando aos 10,2 millóns de euros de orzamento.

Por último, a delegada resaltou que a Xunta está a reforzar este tipo de programas. Por iso, ademais de blindar a orde anual de axudas aos obradoiros, a Consellería de Traballo e Benestar publicou unha convocatoria específica para menores de 30 anos, incluída dentro do programa de Garantía Xuvenil. Isto significa, segundo apuntou, un investimento total de 15 millóns de euros na posta en marcha de máis de 70 obradoiros na nosa comunidade, cun total de 2.000 alumnos e alumnas. Trátase dun 50 por cento máis de orzamento que o ano pasado.