Luns 10 de Decembro de 2018

A Xunta de Galicia destina preto de 35.000 euros á realización de melloras nos campos da feira dos concellos de Cabanas e Neda


A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou a zona do mercado ambulante de Cabanas, que considera clave para a dinamización do comercio de proximidade

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, visitou esta mañá o campo da feira de Cabanas, onde nas vindeiras semanas se levarán a cabo traballos para reparar as deficiencias e mellorar a súa imaxe, co fin de seguir potenciando este espazo como unha infraestrutura clave para a dinamización do comercio de proximidade local. A actuación estará cofinanciada polo Goberno galego, a través dunha subvención da Consellería de Economía e Industria de 28.000 euros, que supón o 70% do investimento total.
Do Campo analizou co alcalde do municipio, Germán Castrillón, o proxecto, que consistirá na rehabilitación das zonas onde se instalan os postos ambulantes en días de feira, na mellora da iluminación e do mobiliario urbano desta área e na delimitación adecuada da zona de aparcamento. Para iso, repararase o pavimento, colocaranse novos bancos, papeleiras, mesas de merendeiros e macetas, instalarase unha pérgola e habilitarase unha pasarela para evitar as fochancas que se forman nas épocas de choivas no acceso subterráneo ao recinto. A intervención completarase coa colocación dun punto informativo, a ocultación dos contedores de residuos nunha illa de madeira e a substitución das luminarias. Todos os traballos deberán estar rematados no mes de outubro.
A representante do Executivo autonómico na provincia recordou que esta achega enmárcase na estratexia de impulso ao sector comercial da consellería, que busca modernizar e incrementar a competitividade do comercio de proximidade galego, con tres retos como eixo: afianzar un sector comercial renovado, impulsar o smart commerce e o comercio electrónico e potenciar o comercio excelente, traballando na dinamización e a mellora continua. Neste senso, a delegada recordou que na comarca de Ferrol, tamén co concello de Neda recibirá unha achega de máis de 6.000 euros para paliar as deficiencias detectadas no seu campo da feira, co fin de incrementar o atractivo deste recinto e atraer novos clientes.
En total, Economía e Industria vén de conceder apoios por importe de 860.000 euros para a realización de melloras nas prazas de abastos e mercados tradicionais en colaboración con 24 concellos da provincia da Coruña, mediante un programa específico cofinanciado con fondos Feder.