Mércores 17 de Outubro de 2018

O evento informático ‘Xuventude Galicia Net’ abre as súas portas por primeira vez no recinto feiral de Silleda


O evento abriu ao mediodía de forma non oficial para facilitar aos inscritos o acceso e a montaxe dos seus equipos informáticos

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, visitaron o Xuventude Galicia Net 2015, que abriu as súas portas de forma non oficial para facilitar aos inscritos o acceso e a montaxe dos seus equipos informáticos.

Rueda expresou a súa satisfacción porque por primeira vez na súa historia o recinto feiral de Silleda acolla un evento deste tipo, e máis cando se trata dun encontro tan consolidado como é o Xuventude Galicia Net, que este ano chega á súa décimo quinta edición.

Segundo o vicepresidente, a celebración deste evento é un exemplo máis de que a Xunta sigue a cumprir o seu compromiso de diversificar a actividade da Semana Verde, de buscar novas oportunidades e de seguir a incluír novos eventos no calendario de feiras.

Pola súa banda, a conselleira de Traballo e Benestar, Beatriz Mato, mostrou o seu convencemento de que esta nova edición acadará o éxito das anteriores, de xeito que Silleda se converterá nos próximos tres días “no referente en Galicia das novas tecnoloxías”.

Ademais, apuntou que Xuventude Galicia Net é “moito máis que un punto de encontro”, xa que abrangue outros obxectivos como a participación, a formación, a innovación ou o emprendemento, valores todos eles que “entroncan” directamente coa política en materia de mocidade que desenvolve o Goberno galego.

Durante a súa visita, Alfonso Rueda e Beatriz Mato, coñeceron as distintas zonas do Xuventude Galicia Net 2015 e mesmo entraron no “túnel” do pavillón 1 do recinto, un espazo baixo o solo por onde discorren todas as conexión á rede do XGN 2015.

A maior party informática de Galicia
O Xuventude Galicia Net, a maior party informática da comunidade, abre as portas dende mañá e ata o domingo na Feira Internacional de Galicia ABANCA. A día de hoxe os inscritos superan lixeiramente os 700, se ben poden incrementarse nos vindeiros días debido a que os interesados poden rexistrarse tanto a través da web do evento como de forma presencial no recinto ata o mesmo domingo.

Serán tres días nos que os participantes na zona Intranet do evento, só para inscritos, poderán disfrutar de forma ininterrompida dun posto con conexión de altas prestación para o seu equipo informático, con dereito a acampar no interior do pavillón e a participar en máis de 30 actividades distintas.

Este completo programa de propostas acollerá catorce torneos distintos nos que se repartirán premios valorados en máis de 3.600 euros e que estarán dirixidos unicamente aos inscritos na party . Os oficiais, os cales contarán con premios de maior relevancia, serán catro, centrados nos populares videoxogos League of Legends, Heartstone, Fifa 2015 e Counter Strike-Global Offensive (Cs Go). As restantes competicións serán moi diversas, como a centrada en seguridade informática, na desactivación de bombas virtuais, en programacións de robots, en preguntas e respostas sobre informática e videoxogos, en lanzamento de disco duro, en parecidos razoables, xogo de naipes Kryneas Battlefield ou nos videoxogos Street Fighter, Heroes of the Storm e Quake 3.

Aos torneos do XGN 2015 súmanse moitas outras actividades, a inmensa maioría situadas na zona Extranet do evento, a cal será de acceso libre tanto para inscritos como para visitantes. Estas serán unha área de videoxogos con consolas de última xeración, proxeccións, xogos de mesa, pistas de fútbol e baloncesto, futbolíns, mesas de ping-pong e de discos, simuladores de velocidade e de circuítos, unha pista de karting na que se farán mini campionatos ou a presenza do recoñecido xogador e coach profesional de videoxogos David Alonso “Lozark”, que estará presente durante os tres días atendendo aos fans do seu equipo e tamén impartirá unha conferencia sobre distintos aspectos da súa profesión e o panorama actual dos e-sports.

Moitas destas actividades, así como entregas de premios ou entrevistas a participantes e visitantes, emitirase durante os tres días a través da páxina web do evento (xuventudegalicia.net) con tecnoloxía streaming, polo que se poderá ver en tempo real.

Todo elo converterá de novo ao XGN nun referente en Galicia, para o cal conta coa colaboración da Consellería de Traballo e Benestar, o apoio do Concello de Silleda e Coca-Cola e o respaldo das entidades implicadas de forma permanente na actividade da Fundación Semana Verde de Galicia, como son a Xunta de Galicia, Deputación de Pontevedra e Abanca