Sábado 18 de Agosto de 2018

Feijóo acorda coa alcaldesa de Melide acometer as obras de urxencia do centro de saúde e incluír no orzamento de 2016 a construcción dunha nova infraestrutura


Ambos mandatarios subliñaron a importancia do pulo outorgado á A-54 nos treitos que transcorren polo municipio

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, transmitiu o compromiso da Xunta de acometer obras de urxencia do actual centro de saúde de Melide, así como incluír no orzamento de 2016 a partida necesaria para levar a cabo a construción dunha nova infraestrutura sanitaria que cumpra coas condicións necesarias para dar servizo á poboación melidense. O arranxo das deficiencias do centro de saúde foi un dos principais puntos abordados na xuntanza que o titular da Xunta mantivo coa alcaldesa de Melide, María Ángeles Vázquez Mejuto, na que tamén se trataron outros temas de relevancia para o municipio coruñés como o enlace da A-54, o incremento da venda de parcelas no polígono coas bonificacións ofrecidas pola Xunta, ou a importancia de seguir apostando polo sector lácteo.

No que atinxe a Autovía A-54, ambos subliñaron a importancia do pulo outorgado a esta infraestrutura viaria nos treitos que transcorren polo municipio. Neste senso o presidente avanzou que os dous treitos pendentes que contan con partidas consignadas nos Presupostos Xerais do Estado para 2016 por importe de 27,2 millóns de euros e que son os de Palas-Melide e Melide-Arzúa, xa foron informados na Dirección Xeral do Patrimonio Cultural. Así tamén, neste tramo proxéctase un enlace intermedio -o enlace de Remonde- que conectará coa N-547 e dará accesibilidade coa autovía ao polígono da Madalena.

Precisamente o parque empresarial da Madalena, promovido polo Instituto Galego da Vivenda e Solo e por Xestur, foi outro dos puntos tratados no encontro de traballo entre presidente e alcaldesa. Ambos mandatarios destacaron a importancia das bonificacións ofrecidas pola Xunta no prezo das parcelas que chegan ata o 30% e o 50% e que favorecen a implantación de novas empresas. O presidente valorou os excelentes resultados da venda de solo empresarial do IGVS e Xestur que se prevé que ocasione un investimento inducido de máis de 231 millóns de euros e a creación de máis de 7.600 postos de traballo.

O lácteo, sector fundamental no concello
Nesta xuntanza, o presidente e alcaldesa apuntaron cara a importancia de seguir apostando polo sector lácteo, de vital importancia na comarca melidense. En concreto, destacaron o éxito que o cooperativismo acadou no municipio, e celebraron proxectos de cara a consolidar o futuro do sector como as iniciativas de Acolact na que participa Melisanto xunto a outras nove cooperativas e o proxecto Lasurgal – ICOS que conta cun investimento de XesGalicia duns 3,6 millóns de euros.

O pulo ao sector lácteo insírese no apoio de máis de 13,7 millóns de euros que a Xunta de Galicia depositou no medio rural de Melide onde destacan as axudas ás producións agropecuarias, o investimento de proxectos a través de AGADER, a ordenación, o fomento forestal e a prevención contra o lume ou a mellora das infraestruturas agrarias.

Principais actuacións xa executadas
Durante a reunión entre o presidente da Xunta e a alcaldesa de Melide tamén se revisaron outros puntos de colaboración xa asumidos entre as dúas institucións. Entre estas iniciativas destacan as actuacións en materias de infraestruturas viarias como a travesía de Melide; o saneamento e depuración que acadou un investimento de preto de 8 millóns de euros e sobre o que se anunciou un proxecto de augas residuais ata a EDAR cuxa redacción iniciarase en breve; a nova escola infantil que conta con 61 prazas; a ampliación do fogar residencial en 38 prazas máis; as melloras na casa do Concello que terán neste 2015 un investimento de 19.000 euros; así como outros proxectos de apoio a desempregados, na área de Educación ou nos sectores comercial, enerxético e empresarial.

Á vista de todos os proxectos desbloqueados grazas á colaboración frutífera entre a Xunta de Galicia e o Concello de Melide, ambos os dous mandatarios avogaron por continuar apostando por estas vías de colaboración para acadar importantes proxectos de futuro e planificar actuacións que continúen co traballo realizado ata o de agora.