Luns 25 de Marzo de 2019

A Xunta representa ás CC.AA con competencias transferidas en materia de xustiza no comité técnico estatal da administración xudicial electrónica


O director xeral de Xustiza, Juan José Martín asistiu hoxe en Granada á reunión da Comisión Permanente do CTEAJE

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín Álvarez, asistiu hoxe á reunión da Comisión Permanente do Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica, representando ás 12 comunidades autónomas con competencias transferidas en materia de xustiza, representación rotatoria que Galicia exerce dende o pasado 15 de xullo.

Na reunión que tivo lugar na sede do Tribunal Superior de Xustiza de Andalucía, formalizouse a toma de posesión de Juan José Martín como vogal autonómico, cargo que en anteriores anos desempeñaran as CC.AA. de País Vasco e Cataluña, así como a posesión doutros dous vogais de carácter técnico designados por Cantabria e Cataluña.

Segundo relatou Juan José Martín, na Comisión abordáronse varios temas respecto á reforma da Lei de Axuizamento Civil que establece que a partir do vindeiro 1 de xaneiro todos os profesionais e órganos xudiciais deberán usar os sistemas telemáticas existentes na Administración de xustiza para a presentación de escritos e documentos e a realización de actos de comunicación, e explicou que a nosa comunidade está a traballar no establecemento dos medios necesarios para que isto sexa unha realidade, e de feito, nos órganos xudiciais galegos tense presentadas de xeito telemático máis de 20.000 demandas e máis de 160.000 escritos desde que Galicia comezara o despregue deste proxecto o pasado mes de decembro, iniciativa que se está a estender paulatinamente a todos os xulgados e tribunais da nosa Comunidade Autónoma.

Por outra banda, tamén abordouse na reunión os avances da Comisión da Xustiza Dixital:Papel 0, na que tamén a nosa comunidade forma parte representando ás demais CC.AA. con competencias en materia de xustiza; así como os resultados dos distintos grupos de traballo, entre os que cómpre salientar o liderado pola Xunta de Galicia en materia de “Portais da Administración de Xustiza”, cuxo estado de situación expuxo o director xeral de Xustiza, resaltando os principais servizos que as administracións con competencias en materia de xustiza ofrecen aos profesionais que se interelacionan cos órganos xudiciais, coma a xestión de expedientes de xustiza gratuíta, presentación telemática de demandas e escritos, e notificacións telemáticas, entre outros, o que permitirá avanzar cara unha xustiza máis moderna, máis áxil e máis eficaz.

Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica
O Comité Técnico Estatal da Administración Xudicial Electrónica constitúe o marco institucional para a cooperación entre Administracións en materia de administración electrónica, consonte ás previsións da Lei 18/11 reguladora do uso das tecnoloxías da información e a comunicación na Administración de Xustiza.

Desde a constitución do dito Comité o 15.07.2013, este órgano ostenta importantes competencias en orde a favorecer a compatibilidade e a asegurar a interoperabilidade dos sistemas e aplicacións empregados na Administración de Xustiza, así como para acadar a cooperación entre as distintas Administracións, ademais de fixar os criterios sobre os que debe asentarse a necesaria colaboración. Exemplo disto é a súa composición, na que están presentes representantes do Ministerio de Xustiza, Consello Xeral do Poder Xudicial, Fiscalía Xeral do Estado, do Corpo Superior de Secretarios Xudiciais, así como das CCAA con competencias nesta materia.

A sesión da Comisión Permanente foi presidida pola Secretaria de Estado de Xustiza, Carmen Sánchez-Cortés e contou ca asistencia do Secretario Xeral da Administración de Xustiza, Antonio Dorado, e con representantes do Ministerio de Xustiza, do Consello Xeral do Poder Xudicial e da Fiscalía Xeral do Estado. Así mesmo, asistiron representantes dos departamentos de xustiza de Andalucía, Cantabria, Cataluña, País Vasco, Canarias e da Comunidade de Madrid.