Domingo 07 de Marzo de 2021

O Museo do Humor de Fene acollerá en outubro a exposición de humor gráfico “Xeración Retranca”


O humor gráfico volve encher as paredes da sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene. A partir deste venres poderase ver neste espazo cultural a exposición “Xeración Retranca”, promovida pola Concellería de Cultura e Ensino do Concello de Fene en colaboración coa Deputación da Coruña.
A mostra recolle orixinais de destacados humoristas galegos que formaron parte do elenco de autores que publicaron na revista Retranca entre os anos 2007 e 2011. Salientan nomes como Kiko da Silva, Pinto&Chinto, Leandro, Andrés Meixide, Miguelanxo Prado, Alberto Guitián, Luis Davila, Fernando Iglesias «Kohell» ou José Antonio «Bernal”, xunto cos clásicos do humor gráfico galego como Xaquín Marín, Siro López e Xosé Lois “O Carrabouxo”.
A maiores, a exposición compleméntase cunha colección de paneis nos que se da conta da historia desta singular revista, fundada en Vigo en outubro de 2007 polo debuxante Kiko Da Silva. Neles, os visitantes poderán facer un seguemento dos principais temas tratados en Retranca, coñecerán aos autores (debuxantes, escritores, xornalistas, etc.) que participaron no proxecto así como á súa mascota, deseñada polo propio Kiko Da Silva.
A exposición “Xeración Retranca” permanecerá aberta ao público na sala de exposicións da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene do 2 ao 31 de outubro. Horario de visitas: de luns a venres, de 10 a 13 horas e de 16 a 21 horas, e os sábados, de 10 a 13 horas.
Segundo explica o estudoso Félix Caballero Wangëmert no seu artigo “La revista Retranca y su papel catalizador del nuevo humor gráfico gallego”, a revista “Retranca” “constituiu un fito na historia do humor gráfico galego por dúas razón principais: inaugurou un novo modelo de publicación en Galicia, híbrido de humor gráfico e cómic, na liña de El Jueves, e reuniu a case a totalidade da nova xeración de humoristas gráficos galegos (Kiko Da Silva, Pinto & Chinto, Leandro, Meixide, Davila…), adoptando un papel catalizador. O seu impacto traspasou pronto as fronteiras galegas: en 2007 obtivo o Premio do Público á Mellor Revista no Salón do Cómic de Barcelona, e boa parte dos colaboradores de El Jueves debuxaron tamén para Retranca”.