Venres 15 de Decembro de 2017

O Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia ofrece a súa colaboración ao Concello de Ames


NOTA DE PRENSA

O alcalde de Ames, José Miñones, mantivo unha xuntanza co delegado en Santiago do ICOIIG, Fernando Blanco

O alcalde de Ames, José Miñones, mantivo recentemente unha reunión co delegado en Santiago de Compostela do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia (ICOIIG), Fernando Blanco. Este encontro serviu de presentación e de toma de contacto entre ambas partes. Fernando Blanco presentoulle institucionalmente ao rexedor municipal o Colexio e púxose a súa disposición para calquera tipo de consulta sobre instalacións, estruturas e calquera ámbito da enxeñaría industrial que lles poida afectar.

Segundo indicou o rexedor municipal “esta xuntanza enmárcase na rolda de encontros que estou mantendo con diferentes entidades, para coñecer máis polo miúdo o traballo que desenvolven. Dende o Concello de Ames estamos interesados en colaborar co Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, polo que seguramente establezamos algunha relación puntual que poida repercutir no beneficio da nosa veciñanza e das xestións administrativas que temos que realizar”.

O delegado en Santiago de Compostela do Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia, Fernando Blanco, informou a José Miñones sobre a existencia da figura do visado voluntario, unha garantía de que o autor do proxecto ten recoñecidas as competencias para facelo e que dispón dun seguro de responsabilidade civil en vigor.

“O visado voluntario é unha garantía de seguridade para a cidadanía, xa que garante que a persoa que deseñou un proxecto posúe os coñecementos necesarios para facelo e que conta cun seguro de responsabilidade civil para facer fronte a calquera reclamación presente e futura, algo que as Administracións non sempre poden comprobar en todos e cada un dos proxectos que se xestionan e que é algo que co visado voluntario queda garantido”, indicou Fernando Blanco.

O delegado do ICOIIG en Santiago indicou que a Lei 9/2013 do Emprendemento axiliza a implantación de actividades pero, ao mesmo tempo, pode provocar a implantación de actividades industriais e instalacións que non cumpran toda a lexislación por relaxarse os controis respecto da situación anterior. Por iso fixo fincapé na necesidade de que administracións como o Concello de Ames poidan dirixirse ao ICOIIG para resolver as súas dúbidas en canto ás atribucións profesionais dos autores dos proxectos, evitando así o intrusismo profesional e garantindo a seguridade da obra.

Realización de prácticas non laborais en Ames

Así mesmo, José Miñones e Fernado Blanco falaron da existencia dun convenio de colaboración entre o ICOIIG e a FEGAMP que abre a porta a que enxeñeiros industriais desempregados poidan realizar prácticas non laborais en concellos como Ames. Unhas prácticas que terían unha duración de entre 3 e 6 meses e que permitirían dotar ao Concello de Ames de especialistas como os enxeñeiros industriais que contribuirían ao desenvolvemento do municipio, xa que poden achegar os seus amplos coñecementos para avanzar na eficacia da xestión da Administración local.

E é que a formación xeneralista do enxeñeiro industrial permítelle cubrir áreas moi variadas: enerxía, mecánica, construción, fabricación, electricidade, electrónica, transporte e loxística, materiais, acústica, comunicacións, homologación e propiedade industrial, medio ambiente, organización da produción, certificación enerxética, xestión empresarial…