Luns 21 de Maio de 2018

Belén do Campo trasládalle aos alcaldes de Coristanco, Mazaricos e Santa Comba que a Xunta ven de esixir á concesionaria do transporte público nesta área a reposición dos servizos suprimidos


A delegada territorial da Xunta na provincia explicou que a Dirección Xeral de Mobilidade mantén a aberta unha inspección para determinar posibles sancións

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, recibiu no seu despacho aos alcaldes de Coristanco, Amancio Lavandeira, de Mazaricos, Juan José Blanco, e de Santa Comba, José Antonio Ucha, para abordar a problemática en materia de mobilidade que afecta a estes municipios, tal como fixera tamén en días pasados co rexedor de Ponteceso, Lois García.

No encontro, Do Campo indicou que Dirección Xeral de Mobilidade ven de esixir á empresa concesionaria do transporte público nesta área o restablecemento de todos os servizos recollidos no seu contrato, pois constatou que a redución de frecuencias de autobús nas liñas que dan servizo a estes concellos non conta coa autorización do departamento autonómico. Con todo, segundo explicou a máxima representante do Goberno galego na provincia, Mobilidade mantén aberta a rolda de inspeccións iniciada a raíz da primeira denuncia para esclarecer a responsabilidade da empresa e determinar, se fose o caso, as sancións pertinentes.

Desta forma, a delegada territorial ofreceu aos primeiros edís de Coristanco, Mazaricos e Santa Comba “todo o diálogo e colaboración”, así como o apoio firme da Xunta, co fin de obter a cooperación necesaria coas entidades locais para dar resposta ás demandas das veciñas e veciños e ofrecer unha pronta solución a esta problemática.