Venres 03 de Xullo de 2020

Belén do Campo destaca en Ferrol a capacidade e o crédito do naval galego para seguir xerando carga de traballo na nosa comunidade


A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, participou na apertura do 54 Congreso de enxeñaría naval e industria marítima: Galicia e a Mar Océana. A nosa oportunidade

A delegada territorial da Xunta na provincia, Belén do Campo, defendeu esta tarde a capacidade e o crédito do naval galego para seguir xerando carga de traballo e riqueza na nosa comunidade a través de novos encargos. Do Campo participou na sede de Exponav en Ferrol na inauguración do 54 Congreso de enxeñaría naval e industria marítima: Galicia e a Mar Océana. A nosa oportunidade, organizado pola Asociación de Enxeñeiros Navais e Oceánicos de España (AINE). Alí destacou que o principal obxectivo deste Goberno autonómico é o de traballar para que os estaleiros galegos recuperen o seu liderado, pois “sabemos que a industria naval galega ten capacidade suficiente para facer barcos conforme ás prescricións técnicas pactadas, con calidade contrastada, con seguridade e no prazo pactado”, apuntou.
“Comezamos a ter boas noticias, pois na actualidade o sector en Galicia ten contratos en vigor por valor de 1.800 millóns de euros e isto supón un indicativo de que a confianza volveu aos estaleiros”, manifestou a representante do Executivo galego na provincia, quen atribuíu esta tendencia a, “fundamentalmente, dous factores: o esforzo do propio sector e o compromiso do Goberno galego, que sempre traballou e traballará por un sector que era, é e queremos que siga sendo estratéxico”.
Para finalizar, a delegada territorial definiu os retos aos que se enfronta o naval para continuar medrando, que, segundo defendeu, pasan por potenciar a innovación, diversificar a actividade e apostar pola construción civil. Do mesmo xeito, apostou por impulsar un modelo colaborativo entre estaleiros que permita xerar economías de escala, pois “somos conscientes de que debemos deixar as diferenzas entre empresas locais para poder ser máis competitivos ante os nosos competidores fora de Galicia”, manifestou.