Luns 21 de Maio de 2018

A Xunta de Galicia subvenciona a construción dun centro de convivencia marítima no concello de Dumbría cunha achega de máis de 162.000 euros


As obras leváronse a cabo a través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde de Dumbría, José Manuel Pequeño, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión da subvención destinada á execución dun novo inmoble no municipio vinculado á recuperación e conservación medio ambiental e mellora do entorno. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou parte desta actuación cunha achega de 162.578 euros correspondente ao Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico.

Nun encontro de traballo co rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que consistiron na construción dun edificio no entorno do Ézaro -denominado Bitácora do Ézaro-, que se destinará a diferentes actividades que teñen como eixo común a potenciación do mundo mariño, aproveitando a súa localización próxima ao mar. O obxectivo é chegar a converter o inmoble nun centro comarcal de atracción de visitantes mediante o aproveitamento e recuperación dos recursos medioambientais existentes nesta área, como a ensenada, a fervenza do Ézaro ou o monte Pindo.

As novas instalacións contan no andar baixo cun espazo multiusos, vestiarios e un local social, mentres que na primeira planta habilitouse unha aula didáctica e outra para conferencias e reunións. As dependencias complétanse cun espazo de acollemento para os participantes dos distintos eventos e competicións deportivas organizadas polo concello no baixocuberta, ademais dunha terraza ao aire libre.

Nove municipios das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra beneficiados
Do Campo recordou que nove concellos das comarcas de Bergantiños, Soneira e Fisterra (A Laracha, Cabana de Bergantiños, Coristanco, Malpica de Bergantiños, Ponteceso, Camariñas, Vimianzo, Zas e Dumbría) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 445,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres que oito deles dispoñen de máis de 83.000 metros de liñas de conexión, polos que recibirán máis de 700.000 euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Campo destacou que a Xunta tamén autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.