Venres 23 de Febreiro de 2018

A Xunta entrega un novo vehículo de Policía Local ao concello de Padrón


O Goberno galego leva xa repartidos máis de 50 coches aos corpos de policía local das catro provincias

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, visitou esta mañá Padrón, onde fixo entrega ao seu alcalde, Antonio Fernández Angueira, dun novo coche de Policía Local para o concello.

Este novo vehículo foi cedido mediante un convenio e forma parte dun remanente producido na xestión dunha orde de axudas da Vicepresidencia, cuxo obxectivo era adquirir vehículos e motocicletas a concellos de menos de 50.000 habitantes e corpo de policía local propio.

Ao abeiro desa orde entregáronse 48 vehículos, que sumados ás novas entregas mediante convenios, superan os 50 en toda a Comunidade. Con esta iniciativa, a Xunta reforza a súa colaboración cos concellos para a mellora dos servizos de seguridade e de xestión de emerxencias de Galicia.

Os novos vehículos permitirán aumentar os medios técnicos e de mobilidade dos corpos de policía local e polo tanto prestar un mellor e máis rápido servizo aos cidadáns. Grazas a esta actuación, a Xunta facilítalles aos concellos unha oportunidade para cambiar vehículos antigos e cun alto custe de mantemento por outros novos, dotados de mellores sistemas de seguridade e que farán que o traballo diario destes axentes sexa máis eficiente.