Luns 10 de Decembro de 2018

A Xunta de Galicia subvenciona a substitución das luminarias e a recuperación de diversos espazos degradados do concello Carnota cunha achega de máis de 65.000 euros


Estes proxectos leváronse a cabo a través do Fondo de Compensación Ambiental, que permite aos concellos beneficiarse do canon eólico

A delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, e o alcalde deCarnota, Ramón Noceda, asinaron esta mañá o documento de conformidade para a concesión dunha subvención a través do Fondo de Compensación Ambiental, que lle permite ao concello beneficiarse do canon eólico. O Goberno galego, a través da Vicepresidencia e Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, financiou a substitución de parte das luminarias do concello e a recuperación dos espazos degradados polos contedores de recollida do lixo cunha achega de65.615 euros.

Nun encontro de traballo co rexedor, a máxima representante do Executivo autonómico na provincia analizou o resultado das actuacións levadas a cabo con estes fondos, que se utilizaron para a realización de dous proxectos. Por unha banda, renováronse 80 puntos de luz do municipio coa instalación de novas lámpadas máis eficientes, o que permitirá ao concello reducir a factura eléctrica. Ademais, levouse a cabo a instalación de peches perimetrais de contedores do lixo (vidro, cartón/papel, de orgánico e minicontedores) co fin de diminuír o seu impacto visual e recuperar o espazo no que se encontran, correspondente ás zonas do Pindo, Panchés, Cornido, Lombáns, Carnota, A Morosa, Mallou, Lira e Lariño.

Oito municipios das comarcas de Muros, Noia e Barbanza beneficiados
Do Campo recordou que este é o quinto ano consecutivo que oito concellos das comarcas de Muros, Noia e Barbanza (A Pobra, Boiro, Carnota, Lousame, Muros, Outes, Porto do Son e Rianxo) optan ás subvencións en réxime de concorrencia non competitiva do Fondo de Compensación Ambiental, ao atoparse o seu territorio municipal dentro dunha poligonal de delimitación dun parque eólico ou estar afectados pola correspondente instalación de conexión ou vía de evacuación. Estes municipios suman un total de 241,5 aeroxeradores dentro dos seus límites, mentres tamén dispoñen de máis de 19.903 metros de liñas de conexión, polos que recibirán máis de 370.000 euros.

As axudas concedidas polo Goberno autonómico están destinadas a financiar iniciativas orientadas á conservación da biodiversidade, ao impulso da eficiencia, ao uso sostible das enerxías renovables e á restauración e reposición do medio ambiente e reequilibrio territorial. Campo destacou que a Xunta tamén autoriza aos concellos beneficiarios a dispoñer do fondo para facer fronte ao gasto corrente, algo que afecta moito aos municipios. Ademais, o Fondo de Compensación Ambiental pode tamén empregarse en gastos de contratación ou mantemento de persoal.

Segundo subliñou a delegada territorial, o fondo reflicte un triplo compromiso da Xunta de Galicia, pois, explicou, “resulta unha clara mostra da implicación do Goberno galego cos concellos e co medio ambiente, pero tamén da aposta polo reequilibrio territorial”. “A distribución do canon eólico, en definitiva, beneficia sobre todo a municipios pequenos e do interior e suponlles, ano tras ano, unha importante fonte de ingresos nestes momentos de dificultades económicas”, concluíu.