Luns 25 de Xuño de 2018

Xuntanza do Goberno Municipal de Fene co presidente da Deputación da Coruña


O alcalde de Fene e o concelleiro de Obras solitaron ao mandatario provincial a realización de diversas obras pendentes no Concello

O alcalde de Fene, Juventino Trigo, recibiu este mediodía ao presidente da Deputación provincial, Valentín González, na que foi a primeira visita institucional do novo mandatario provincial ao Concello de Fene. Neste encontro, ao que asistiron boa parte dos concelleiros/as do Goberno Municipal, o presidente da Deputación asinou no Libro de Honra do Concello e escoitou as demandas do Goberno Municipal de Fene en relación con algunhas obras pendentes que o Concello pretende que acometa o organismo provincipal.

Entre as actuacións que o alcalde de Fene e o concelleiro de Obras plantexaron ao presidente da Deputación, salientan as beirarrúas da estrada da Armada (Maniños), as da estrada de San Marcos (Barallobre), dende o IES de Fene ata o cemiterio municipal, e a senda peonil en Magalofes, dende a igrexa ao local da AAVV. Tanto o alcalde de Fene, Juventino Trigo, coma o concelleiro de Obras, Antón Noceda, coincidiron en cualificar estas tres actuacións como fundamentais para o Concello pola inseguridade que a carencia destas beirarrúas e da senda peonil de Magalofes supón para os peóns que transitan habitualmente por estas zonas.

En relación cos diversos Plans Provinciais previstos para o 2016 -dos cales o Concello de Fene recibirá en torno a 340 mil euros do Plan de Acción Social e 250 mil do Plan de Obras e Servizos- falouse na xuntanza da posibilidade de que o Concello de Fene destine parte destes investimentos á renovación de servizos e beirarrúas na Avda das Pías, dende San Valentín ao cruce de Fene.

Nesta primeira xuntanza do Goberno Municipal de Fene co presidente da Deputación, tratouse tamén o tema do punto limpo de Vilar do Colo, proxecto mancomunado que o Concello de Fene pretende levar adiante cos Concellos de Cabanas, Ares e Mugardos. Sobre esta cuestión, o alcalde de Fene pediu a Valentín González que a Deputación da Coruña elabore, no menor tempo posible, o informe que o Concello precisa para poder sacar adiante o proxecto e poñer en funcionamento o tan demandado punto limpo.

Á marxe das obras pendentes e dos novos proxectos que o Goberno Municipal de Fene pretende abordar coa colaboración da Deputación, o alcalde de Fene expuxo ao presidente do organismo provincial a situación do naval en Fene e demandou a Valentín González un plan de acción comun do Concello coa Deputación para exixir carga de traballo para o asteleiro de Fene.