Xoves 13 de Decembro de 2018

“Novembro mes do humor” no concello de Fene


O Museo do Humor de Fene volverá ser o escenario nas vindeiras semanas do ciclo “Novembro, mes do humor”, organizado pola Concellería de Cultura e Ensino do Concello de Fene, en colaboración coa Deputación Provincial de A Coruña (Rede Cultural). O programa inclúe desta vez catro funcións e comezará o vindeiro venres, 6 de novembro, cun primeiro espectáculo, “Sempre en Ibiza”, a cargo do dúo formado por Lucía Aldao e María Lado, “Aldaolado”. Nos seguintes venres do mes de novembro, os/as protagonistas serán Luís Zahera (“Chungo”), Camila Bossa e Iolanda Muíños (“Malos hábitos”) e Cándido Pazó (“Qué cousas!”).

Todalas sesión deste novo ciclo “Novembro Mes do Humor” desenvolveranse no salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene (Avda. de Conces, 20-22) ás 20 horas, agás a última función que será ás 21 horas. As entradas serán de balde aínda que, segundo informan dende a Concellería de Cultura e Ensino, para asistir a calquera dos espectáculos programados haberá que recoller invitacións (2 por persoa) o mesmo día da actuación na conserxería da Casa da Cultura de Fene a partir das 16 horas. Por capacidade do salón de actos da Casa da Cultura-Museo do Humor de Fene, o aforo estará limitado a 120 persoas.

O “Novembro Mes do Humor” comezará o vindeiro venres, 6 de novembro, coa actuación de “Aldaolado”, dúo formado por Lucía Aldao e María Lado, presentando no Museo do Humor de Fene o seu último espectáculo, “Sempre en Ibiza”. Trátase dun cabaret lírico cheo de poesía, historias e cancións, “con sátira, con mensaxe, con didactismo e mesmo con demanda de participación e agasallo para os ousados”.

O venres 13 de novembro actuará no Museo do Humor de Fene o coñecido actor Luís Zahera cun monólogo titulado “Chungo” no que fai repaso en clave de humor da súa traxectoria profexional. Nel, Zahera explica as súas vivencias vitais como actor, e a traxectoria que o foi levando a interpretar “papeis de raro, de non moi listo e sempre de chungo”.

O venres 20 de novembro, tomarán o relevo as actrices Camila Bossa e Yolanda Muíños coa súa obra “Malos hábitos”. Trátase dunha comedia escrita e dirixida polo dramaturgo naronés José Luís Prieto, un espectáculo teatral cheo de humor e catalogado como “micromisa”.

E xa para pechar o ciclo, o venres 27 de novembro, pasará polo Museo do Humor o actor e contacontos Cándido Pazo con “Que cousas!”, un espectáculo de narración oral “tabernaria”, a medio camiño entre o conto e o monólogo cómico. Unha ristra de lerias e historias baseadas en verdades que parecen mentira ou en mentiras que parecen verdade.