Mércores 15 de Agosto de 2018

O concello de Padrón, en colaboración coa AMTEGA, celebra un Hackatón solidario para adaptar os computadores da aula CeMIT ás necesidades das persoas con discapacidade intelectual


Unha vintena de programadores, deseñadores e emprendedores achegan de xeito altruísta as súas ideas para o deseño e desenvolvemento de ferramentas que faciliten a usabilidade e accesbilidade dos equipos

A directora da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, (Amtega), Mar Pereira, e o alcalde de Padrón, Antonio Fernández, visitaron hoxe o I Hackatón Solidario “Intro para todos” que busca mellorar a usabilidade e accesibilidade dos ordenadores da aula CeMIT local coas achegas da cidadanía.

O Hackatón, convocado polo Concello, a Amtega e a Asociación de Pais e Nais con Discapacidade Intelectual da Comarca do Sar (AMIPA), celébra na aula CeMIT local na que unha vintena de programadores, deseñadores, e emprendedores están a expoñer e intercambiar ideas para o deseño e desenvolvemento dunha ferramenta que facilite a persoas con discapacidade intelectual o uso dos computadores.

O obxectivo é conseguir unha proposta, baseada en software libre, que permita instalar nos ordenadores da aula un sistema de autenticación alternativo, adaptado a colectivos especiais, con ou sen competencias en lectoescritura, e un perfil de escritorio accesible, que recolla en pictogramas as principais ferramentas e aplicacións utilizadas polas persoas con discapacidade intelectual.

A xornada comezou ás 9:00 horas coa exposición de ideas e a composición dos grupos de traballo. Tras varias sesións de traballo e networking, cada equipo desenvolverá un prototipo e unha demostración do mesmo. Ao remate da xornada, en torno ás 20.00 horas, un comité de expertos avaliará as propostas e determinará cal é a opción elixida, sobre a que se poderá desenvolver un futuro aplicativo que mellore a accesibilidade dos equipos.

CeMIT-Innova
O Hacaktón “Intro para todos” é dunha iniciativa piloto enmarcada no proxecto CeMIT-Innova, promovido pola (Amtega, en colaboración con Fundetec, para que a innovación social dixital poida dar resposta aos desafíos sociais locais, servíndose das Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) e de modelos de colaboración en rede.

A Rede CeMIT
A Rede CeMIT (Rede de Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica), impulsada pola Amtega, está integrada por 98 aulas, presentes en 92 concellos e 53 comarcas. O seu obxectivo é promover o uso das novas tecnoloxías entre a poboación, con especial atención aos colectivos máis afectados pola fenda dixital, fomentar a formación dixital entre os profesionais galegos e mostrar á pemes e micropemes as vantaxes da sociedade da información.

Ademais do Plan de Formación, a Rede CeMIT desenvolve campañas de sensibilización e divulgación da importancia e beneficios das TIC entre a cidadanía, empresas e outros colectivos coa organización de charlas e conferencias. Paralelamente, a maioría dos centros da Rede contan co servizo de “aula aberta”, que posibilita o acceso libre e de balde dos usuarios á utilización do equipamento co apoio e asesoramento dun axente especializado.