Sábado 31 de Outubro de 2020

O CIM da Mancomunidade de Ordes analiza a importancia da comunicación no seu primeiro encontro temático


A xornada rexistrou un cheo absoluto, tendo que ampliarse as quince prazas ofertadas inicialmente. Entre os obxectivos están o coñecemento dos elementos e obstáculos no proceso de diálogo e a aplicación de técnicas eficaces

A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes celebrou por primeira vez o seu ‘Encontro sobre Comunicación’, conseguindo un alto nivel de participación. Tal foi así que os organizadores decidiron ampliar as quince prazas ofertadas nun principio. Trátase dunha iniciativa dirixida a mulleres da comarca, a cal se inclúe no amplo programa desenvolvido polo Centro de Información á Muller (CIM).

Ao longo desta mañá abordáronse contidos tales como os conceptos e elementos básicos da comunicación, a comunicación coa parella e coa descendencia, mitos etc. Entre os obxectivos máis inmediatos están os de coñecer os elementos esenciais e obstáculos na comunicación; identificar, comprender e aplicar técnicas eficaces; así como a valoración da importancia da comunicación como factor clave para a eficacia e o desenvolvemento persoal, familiar e social.