Mércores 15 de Agosto de 2018

Os obradoiros de cociña PequeCchef achegan aos máis cativos en Padrón a calidade dos produtos das praza de abastos


O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entregou os diplomas aos rapaces que participaron nos talleres organizados pola Federación Galega de Prazas de Abastos (Fepragal) coa colaboración da Consellería

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria, Francisco Conde, entregou este mediodía na praza de abastos de Padrón os diplomas aos rapaces que participaron na localidade nos obradoiros de cociña Peque-Chef, desenvolvidos pola asociación de praceiros de Padrón e a Federación de Prazas de Abastos de Galicia (Fepragal) co apoio da Consellería de Economía, Emprego e Industria.

A iniciativa Peque-Chef supón un paso moi importante na tarefa de achegar a actividade das prazas e mercados aos mais novos, contribuíndo a consolidar as prazas de abastos como líderes na venda do produto fresco e de calidade.

Os obradoiros Peque-Chef, que se realizan nas prazas de abastos que forman parte de Fepragal, están dirixidos a nenos e nenas a partir dos cinco anos, cun mestre cociñeiro co que aprenden a elaborar pratos cos produtos da praza. Ademais, móstralles hábitos saudables na alimentación, ao tempo que se os informa das propiedades beneficiosas que conteñen os alimentos incluídos na súa dieta cotiá.

O apoio a esta iniciativa enmárcase no novo Plan Estratéxico de Impulso ao Comercio de Galicia, que recolle entre as súas accións específicas a atracción de novos clientes ás prazas de abastos, e que ten tamén na colaboración coas asociacións de praceiros unha das principais liñas de traballo para impulsar a excelencia dos mercados galegos.