Venres 18 de Setembro de 2020

A AMTEGA ofrece a empresas e entidades do terceiro sector dúas novas solucións libres na nube do CDTIC Virtual


Xa están dispoñibles Odoo, un xestor de recursos empresarial para as actividades de produción e distribución e CiviCRM, unha ferramenta de xestión das relacións con clientes orientada para organizacións do terceiro sector

A Axencia para a Modernización tecnolóxica de Galicia (Amtega) pon a disposición das empresas e entidades do terceiro sector dúas novas aplicacións de software libre no Centro Demostrador TIC Virtual, o servizo de proba de solucións tecnolóxicas na nube.
Unha das novas aplicacións que xa se poden probar é o xestor de recursos empresarial (ERP) Odoo, orientado á xestión dos procesos internos dunha empresa como a facturación, a contabilidade, o almacén ou o proceso de produción. Tamén está dispoñible o xestor de relacións cos clientes CiviCRM, orientado a mellorar a comunicación coa masa social e á realización de campañas de captación de fondos en entidades do terceiro sector.
A través da páxina web do CDTIC (http://cdtic.xunta.es/) pódese solicitar xa un período de proba de calquera destas dúas solucións de software libre.
Odoo: Planificación de recursos empresariais (ERP)
Odoo é un sistema de xestión empresarial libre que destaca por ser moi sinxelo pero tamén moi potente e altamente personalizable, grazas á grande cantidade de módulos dispoñibles. Isto permite a súa adaptación as necesidades de moitos tipos de empresas

O CDTIC Virtual ofrece dúas configuracións diferentes de proba de Odoo; unha delas orientada a empresas de produción, pensada para para a xestión dos procesos de fabricación; e por outra banda, unha solución orientada a empresas de Compra-Venda que inclúe módulos de TPV e e-commerce.

CiviCRM: Xestión das relacións cos clientes
CiviCRM é un software de xestión de relacións cos clientes orientado ao seu uso por parte de organizacións que traballan no eido social. Está dispoñible en máis de 20 idiomas e ofrece un gran número de funcionalidades o que permite unha gran personalización.

O principal atractivo de CiviCRM é que está pensado especificamente para organizacións do terceiro sector (asociacións, fundacións, ONGD, etc) . A xestión de contactos, socios e doazóns de forma integral achega oportunidades de melloras para as organizacións.

Entre os seus módulos principais podemos atopar ferramentas de xestión da base de contactos, rexistro de contribucións, histórico de actividades, envío masivo de correos electrónicos, xestión de campañas e eventos, etc.

Aplicacións na nube a través do CDTIC Virtual
A través do servizo CDTIC Virtual, as empresas, organizacións ou cidadáns que o desexen poden probar e avaliar estas aplicacións a través dun servizo na nube nun entorno privado, durante un período inicial de 15 días e que poderá ser ampliado ata un mes.