Luns 20 de Agosto de 2018

Feijóo anuncia a concesión de 1.822 novas libranzas para coidados na contorna familiar para reforzar o sistema de atención á dependencia de Galicia


Destinaranse a esta medida 9,6 millóns de euros

O Consello da Xunta aprobou hoxe que se concedan 1.822 novas libranzas para coidados na contorna familiar, o que reforza o sistema galego de atención á dependencia. O seu presidente, Alberto Núñez Feijóo, enmarcou esta medida dentro do esforzo que está a facer o Goberno galego “para atender as persoas máis vulnerables”, entre as que están as persoas con dependencia e as súas familias. Así, nos orzamentos de 2016 consígnanse á atención á dependencia máis de 324 millóns de euros, 26 millóns máis ca nos de 2015.

O orzamento para esta medida é de 9,65 millóns de euros dos que a inmensa maioría, 9,47 millóns, son pagamentos correspondentes aos meses nos que estas persoas tiñan dereito a libranzas, pero aínda non lles foran concedidas.

O presidente da Xunta repasou o proceso de modernización que está a vivir en Galicia a atención á dependencia, con fitos como a entrada en vigor, en 2013, da carteira de servizos á dependencia, que permitiu flexibilizar os servizos que se ofrecen, abrir os centros ás persoas que non sexan usuarias do seu servizo de residencia asistencial e ofrecerlle a cada usuario un repertorio de servizos á súa medida.

Esta modernización veu ligada a unha progresiva profesionalización dos servizos de atención á dependencia. Mentres que no 2009, menos do 42% dos dependentes con prestación recibían atención por parte dun profesional, a día 31 de outubro de 2015 esta porcentaxe elevábase ao 76%, 35 puntos porcentuais máis.

Neste momento, o número de dependentes con prestación supera os 40.000, entre as máis de 9.500 persoas que teñen unha praza pública ou concertada nunha residencia, centro de día ou centro de alzheimer e as que reciben atención polo sistema de libranzas ou outros sistemas. De cara ao ano próximo, esta cifra subirá ata 50.000. “Isto significa que, o ano que vén, 3 de cada 4 persoas con dependencia recibirán uns servizos da máxima calidade para afrontar a súa situación”, concluíu Feijóo.