Martes 18 de Setembro de 2018

Convocatoria e bases de achegas aos deportistas do concello de Riveira


1.ª.–O Concello de Riveira convoca concurso para outorgar, en réxime de concorrencia competitiva, e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia e igualdade, bolsas a deportistas riveirenses non profesionais, que pertenzan ou non a entidades deportivas do Concello, e que destacaran na súa faceta competitiva durante o ano 2014, co obxectivo de apoiar e fomentar a práctica e o rendemento deportivo.
2.ª.–Poderán solicitar bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
● Ter condición de deportista na práctica dalgún deporte olímpico (aínda que atendendo á especial importancia dun feito deportivo poderá valorarse a inclusión nestas bolsas de deportistas practicantes de deportes non olímpicos).
● Ter nacido no Concello de Riveira e/ou estar empadroado no Concello de Riveira, con unha antigüidade mínima de xaneiro de 2011.
● Ter licenza federativa, durante o ano 2014, expedida pola Federación Deportiva correspondente.
● Estar ao corrente das obrigas fiscais co Concello de Riveira, así como das obrigas coa Axencia Tributaria e a Seguridade Social.
3.ª.–Establécense dúas liñas de subvención:
● Beca a) Río 2016, destinada a deportistas de alto rendemento, de disciplinas olímpicas, integrantes dos equipos das seleccións nacionais , con opción de clasificarse para participar na Olimpiada Rio 2016, destinaranse 6.000,00 €, cunha contía máxima de cada bolsa de 3.000 €.
● Beca b) para outros deportistas que destacaran na súa faceta competitiva no ano 2014, destinaranse 5.850,00 €, cunha contía máxima de cada bolsa de 1.000,00 €.
Ambas liñas son incompatibles entre sí, de xeito que os solicitantes deberán optar por unha ou outra modalidade.
O crédito orzamentario existente para estas dúas liñas de subvención , será de 11.850,00 €. O gasto derivado destes programas resultan imputables á partida 341-48022 do orzamento municipal para o exercicio 2015.
4.ª.–As solicitudes dirixiranse ao Ilmo. Sr. Alcalde, no modelo que figura como anexo, e presentaranse no Rexistro xeral do Concello durante un prazo de 15 días, que comezará a computarse a partir do seguinte á publicación do correspondente anuncio no Boletín Oficial da Provincia da Coruña.
Os posibles defectos na solicitude seranlles notificados aos interesados, e daráselles un prazo de 10 días para emendar erros ou omisións. Transcorrido o dito prazo, se non se producise a emenda requirida, as peticións serán arquivadas sen máis trámites.
5.ª.–Xunto coa solicitude de subvención para calquera dos dous programas presentarase a seguinte documentación:
● Fotocopia compulsada do documento nacional de identidade.
● Currículo deportivo, expedido polo Clube ou Federación correspondente, referido ao ano 2014, e aos 3 inmediatamente anteriores.
● Certificado de empadroamento.
● Fotocopia compulsada da licenza federativa correspondente ao ano 2014, ou certificado de ter licenza en vigor nesa tempada expedido pola Federación correspondente.
● Certificación bancaria orixinal da conta corrente na que desexen que se lles ingrese o importe da achega, no caso de que se conceda.
● Declaración xurada de estar ao corrente coas obrigas fiscais co Concello de Riveira, así como das obrigas tributarias coa Seguridade Social.
● Declaración de outras subvencións percibidas no seu caso.
As solicitudes referentes as becas a) RIO 2016, deberán acompañar, ademais, certificado da federación correspondente, de ter participado en competicións coa selección nacional durante o ano 2014.
6.ª.–A avaliación das solicitudes para os dous programas realizarase pola Concellería de Deportes atendendo aos seguintes criterios:
PALMARÉS 2014: valórase unicamente o mellor resultado acadado polo deportista antendendo ao seguinte baremo:
Ámbito rexional (campionatos oficiais):
Clasificad@s 3.º posto: 3 puntos
Clasificad@s 2.º posto: 4 puntos
Clasificad@s 1.º posto: 5 puntos
Categoría nacional (campionatos oficias):
Clasificad@s do 4.º o 12.º posto: 4 puntos
Clasificad@s 3.º posto: 6 puntos
Clasificad@s 2.º posto: 7 puntos
Clasificad@s 1.º posto: 8 puntos
Categoría internacional (campeonatos oficiais):
Clasificad@s do 4.º o 12.º posto: 15 puntos
Clasificad@s 3.º posto: 20 puntos
Clasificad@s 2.º posto: 25 puntos
Clasificad@s 1.º posto: 30 puntos
CONTINUIDADE: valoración en función dos anos de práctica dos deportistas, éxitos pasados e mantemento do deportista na alta competición nos seus respectivos deportes e categorías, segundo o currículo deportivo presentado:
3 ou máis anos 3 puntos
1-2 anos 1 punto
CATEGORÍA: valoración en función da idade de cada deportista, non da categoría na que se compite.
Absoluta: nados no ano 1996 e anteriores 10 puntos
Júnior/xuvenil: nados nos anos 1997, 1998, 1999 8 puntos
Cadete/infantil: nados nos anos 2000, 2001, 2002 6 puntos
Para poder optar a estas axudas será requisito obrigatorio que os solicitantes reciban un mínimo de 3 puntos no apartado palmares 2014, e de 11 puntos no total .
Poderanse realizar de oficio as actuacións que se estime necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos aportados polo deportista, en virtude dos cales se formulará a proposta de concesión de bolsas.
Atendendo á especial importancia dun feito deportivo poderá valorarse a inclusión nestas bolsas de deportistas con calquera clase de discapacidade.
Quedarán excluídos destas axudas tódolos logros deportivos referentes a categoría de veteráns.
7.ª.–A instrución do procedementos corresponderalle á Concellaría de Deportes. No seo desta constituirase unha comisión avaliadora, composta polos seguintes membros:
● Presidente: a concelleira delegada da área de Deportes, ou persoa en quen delegue.
● Vogais: dous traballadores/as do departamento de deportes, designados pola concelleira delegada.
Na comisión actuará como secretario/a, sen voto, un empregado/a público do Concello.
Aos efectos indicados neste apartado, e antes do remate do prazo de presentación de solicitudes, pola Alcaldía designarase:
■ O traballador municipal que deba asumir a responsabilidade da tramitación de cada expediente.
■ A persoa que deba asumir a secretaría de cada Comisión Avaliadora.
Proposta de resolución
A Comisión Avaliadora procederá ao exame das solicitudes presentadas, formulando proposta de concesión de achega despois da consideración dos criterios establecidos en cada liña de actuación.
A resolución de concesión ditarase no prazo máximo de dous meses dende o remate do prazo de presentación de solicitudes, e deberá expresar a relación de solicitantes aos que se lle conceda axuda, ordenándoos en función da puntuación que tiveran obtido por aplicación dos criterios sinalados anteriormente, indicando o importe da axuda concedida.
A resolución designará igualmente aos solicitantes suplentes, en orde de prioridade, e a relación de solicitudes desestimadas – se fose o caso – segundo se establece no artigo 25 da Lei Xeral de Subvencións.
Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.
A Xunta de Goberno do Concello de Riveira estudará a proposta de concesión e acordará a concesión e o pagamento das bolsas outorgadas.
Notificación e publicación da resolución.
A notificación do acordo deberá efectuarse no prazo de dez días sinalado no artigo 58 da Lei 30/92, 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.
A falta de resolución expresa en prazo implicará a desestimación da solicitude.
Aceptación da subvención
No prazo de 10 días naturais seguintes á notificación da resolución, os beneficiarios das bolsas deberán comunicar ao Concello de Riveira, por escrito, a súa aceptación, no modelo que se achega.
Se transcorrido ese prazo non se fixese manifestación expresa en ningún sentido, entenderase que o beneficiario está a desistir da súa solicitude, procedéndose automaticamente á concesión da axuda ao seguinte aspirante en puntuación.
8.ª.–Xustificación e pagamento.
Ao abeiro do previsto no artigo 28.9 da Lei 9/07, de 13 de xuño, de subvencións de Galicia, as subvencións que se concedan en atención á concorrencia dunha determinada situación no perceptor non requirirán outra xustificación que a acreditación por calquera medio admisible en dereito da devandita situación previamente á concesión, sen prexuízo dos controis que tivesen podido establecerse para verificar a súa existencia.
En consecuencia, nesta convocatoria non se esixirá a presentación dunha xustificación por parte dos beneficiarios.
O pagamento efectuarase en todo caso despois da aceptación de achega por parte do beneficiario, de acordo co previsto na base anterior.
9.ª.–A concesión dunha bolsa na presente convocatoria non é incompatible co outorgamento doutras bolsas ou axudas económicas por outras entidades, sexan públicas ou privadas.
10.ª.–Os beneficiarios de subvencións concedidas polo Concello quedarán obrigados a se someter a todas as actuacións que éste poida acordar para comprobar que os fins aos que se dedica a subvención se corresponden cos fins para os que se solicitara e concedera a axuda, e para comprobar se cumpren todas as condicións esixidas para a concesión da mesma.
Para o non previsto nestas bases será de aplicación a normativa legal vixente, e, máis en concreto, a Base 51.ª e seguintes das de Execución do Orzamento Municipal.