Luns 19 de Novembro de 2018

A directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado participou na sétima edición do Encontro mostra asociativa Xuvenil Galicia-Norte de Portugal


Cecilia Vázquez definiu ao EMAX, que contou coa participación de máis de 400 persoas e 32 entidades xuvenís, como “un lugar de intercambio no que os programas de participación xuvenil son os protagonistas, a educación non formal o vehículo de aprendizaxe e a nosa mocidade, a principal beneficiaria”

A directora xeral Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cecilia Vázquez, participou no acto de apertura do do VII Encontro mostra asociativa Xuvenil Galicia-Norte de Portugal (EMAX). Acompañada por máis de 400 persoas, na maior parte mozos e mozas galegos e portugueses, así como 32 asociacións e entidades xuvenís, Cecilia Vázquez asegurou que o EMAX é o “lugar de encontro para que os mozos compartan as súas experiencias, dialoguen sobre as súas esperanzas e poñan en valor as boas prácticas en proxectos de asociacionismo e participación xuvenil”.

No seu relatorio, a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado salientou a sétima edición da EMAX como o “un lugar de intercambio no que os programas de participación xuvenil son os protagonistas, a educación non formal o vehículo de aprendizaxe e a nosa mocidade, a principal beneficiaria”. Nesta liña, Cecilia Vázquez aseverou que “toda sociedade que fomenta as experiencias de voluntariado ou proxectos asociativos vese claramente favorecida por un inmenso patrimonio inmaterial configurado polos valores que acadan os mozos a través destas experiencias”. Así identificou estes valores como as “aptitudes comunicativas, organizativas e de planificación; o traballo en equipo e a toma de decisións; e a a iniciativa, a autoconfianza e a autonomía”.

Do mesmo xeito, a directora xeral destacou a importancia deste tipo de iniciativas “porque investir na mocidade é investir no futuro de Galicia” e lembrou que o orzamento da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado medra un 15% para 2016 ata chegar aos 9,4 millóns de euros.

Colaboración con Portugal
Nas súas verbas, Cecilia Vázquez subliñou a importancia de establecer accións de cooperación transfronteiriza con Portugal e recordou algunhas das medidas máis importantes que abrangue a Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. No eido da xuventude, a directora xeral lembrou que as institucións xuvenís dos dous países colaboraran desde hai 4 anos no proxecto europeo Emprende, que permitiu por en marcha programas de asesoramento e cooperación empresarial, onde destacou o traballo do gabinete de iniciativas xuvenís emprendedoras, un servizo de acompañamento individualizado nos primeiros momentos de captación, xeración e maduración de ideas para aqueles mozos e mozas que decidiran comezar un proxecto empresarial.

Con este proxecto tamén se puideron organizar outras accións de apoio ás iniciativas xuvenís emprendedoras, de axuda á internacionalización de empresas, e de formación e capacitación para mozos e mozas con ideas de negocio.

Ademais, tamén se facilitou a creación de foros e de encontros entre a mocidade, o tecido asociativo e a realidade empresarial para detectar oportunidades laborais, promover o intercambio de ideas e a xeración de sinerxías que poidan concluír en iniciativas conxuntas.

VII EMAX
O programa do VII Encontro mostra asociativa Xuvenil Galicia-Norte de Portugal (EMAX) componse de mesas redondas, conferencias e paneis de experiencia, onde o máis importante vai ser a propia participación dos asistentes. Deste xeito crearase un espazo de aprendizaxe para compartir experiencias asociativas e amosar publicamente o traballo desenvolvido polas asociacións xuvenís e grupos informais de mozos e mozas en distintas áreas de actuación.

O obxectivo é o de crear un espazo de reflexión acerca da importancia da educación non formal, da participación e compromiso dos mozos e mozas, tanto a nivel individual como a través de grupos informais e asociacións, divulgando experiencias e estimulando o espírito de iniciativa dos participantes.

O EMAX porá a disposición de cada entidade xuvenil un espazo para a exposición de ideas, actividades e proxectos, con zona de expositores dos diferentes colectivos participantes.