Luns 19 de Novembro de 2018

O centro social polivalente de Brión acollerá este sábado a obra “Pementeiras. Unha historia de empoderamento feminino”


O centro social polivalente de Brión acollerá este sábado 5 de decembro, ás 20:00 horas, a representación da obra “Pementeiras. Unha historia de empoderamento feminino”, a cargo da compañía Xoré Teatro. Unha representación de carácter totalmente gratuíto programada polo Concello de Brión co galo da conmemoración do Día Internacional contra a Violencia de Xénero pero que non se puido representar o pasado 25 de novembro por motivos de axenda da compañía.

“Pementeiras” narra a historia de dúas amigas que teñen un pensamento moi diferente da realidade social na que están inmersas. Sofía é unha muller nova que ten grandes inquietudes e gañas de loitar polo seu recoñecemento persoal e profesional animándose a participar en calquera proxecto que mellora a súa situación actual. Por outro lado, Dosinda, é unha muller tradicional arraiga nos valores do patriarcado que non amosa ningún interese en mellorar a súa situación social e familiar, xa que para ela as cousas sempre foron así e non deberían cambiar. Durante a obra, Sofía faille ver a Dosinda a situación na que se atopa e axúdalle a iniciar un proceso de reflexión persoal que lle deparará grandes cambios, tanto no ámbito familiar como laboral.

Xoré Teatro é unha compañía nacida en novembro de 2013, como culminación do traballo inicialmente desenvolvido dende o ano 2008 na consultora Andamiaxe Innova, S.L. en temas relacionados coa intervención educativa e social con diferentes colectivos. Durante este tempo se levaron a cabo actividades formativas teatrais orientadas a potenciar os procesos de ensinanza/aprendizaxe.