Mércores 20 de Xuño de 2018

O ‘Día da Solidariedade de Ordes’ acada 300 quilos de alimentos e máis de 200 produtos de hixiene


Preto de 270 quilos de alimentos é a cantidade que se acadou na edición deste ano do ‘Día da solidariedade de Ordes’. A isto hai que engadir os máis de 200 produtos de hixiene persoal e doméstica acadados grazas á xenerosidade dos veciños, veciñas e participantes desta iniciativa. Todo será doado integramente a organizacións e asociacións benéficas do municipio.
A xornada, desenvolvida no campo de fútbol de Vista Alegre, tivo un marcado carácter deportivo debido á celebración dun partido de fútbol gaélico entre as aliñacións do Torques de Lugoslavia (Lugo) e do Ambílokwoi (Vigo). Non foron os únicos en saltar ao terreo de xogo xa que desta quenda tamén quixeron participar máis de trinta nenos e nenas da zona no encontro infantil co que arrancou a cita.
A organización fixo extensivo o seu agradecemento tanto ao Concello de Ordes, Cruz Vermella Ordes, as entidades deportivas S.D. Club Órdenes e Vila de Ordes, como a todas as persoas que acudiron ao campo de fútbol.