Luns 20 de Agosto de 2018

Galicia remata o semestre de representación autonómica en materia de Xuventude no Consello de Ministros da Unión Europea


A Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado elaborou a proposta de posición común autonómica sobre o papel da política de xuventude no ámbito migratorio

Galicia ostentou durante o segundo semestre do 2015 a representación autonómica en materia de Xuventude no Consello de Ministros da Unión Europea.

A Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado participou, dentro da delegación española, nas reunións do Consello de Educación, Cultura, Xuventude e Deportes, baixo a presidencia de Luxemburgo.

A representación implicou a participación e coordinación técnica nos grupos de traballo preparatorios do Consello de Ministros da UE que tivo lugar o 23 de novembro, co obxecto de realizar seguimento e informar ao resto de comunidades autónomas sobre os avances nas negociacións dos expedientes lexislativos.

Ademais da coordinación técnica no correspondente grupo de traballo e da distribución entre as comunidades autónomas da información relativa ao mesmo, á Consellería de Política Social, a través da Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, lle correspondeu a elaboración da proposta de posición común autonómica en base ao tema a debater no Consello de Ministros. Neste segundo semestre, xirou arredor do papel da política de xuventude no ámbito migratorio, en particular para apoiar a concienciación intercultural.

Deste xeito, o pasado 23 de novembro o conselleiro de Política Social, José Manuel Rey Varela, participou no Consello de Ministros da UE na formación de Xuventude expoñendo a posición común autonómica, un texto consensuado e aceptado por todas as Comunidades Autónomas. Neste Consello de Ministros adoptouse unha recomendación sobre a participación política dos mozos e mozas, un informe de Xuventude 2015 proposto pola Comisión Europea e o novo Plan de traballo da Unión Europea para os anos 2016-2018.
Esta representación autonómica enmárcase no proceso de participación das Comunidades Autónomas en determinadas formacións do Consello da Unión Europea segundo os acordos asinados coa administración xeral do Estado e as Comunidades Autónomas o 9 de decembro de 2014 (BOE do 16 de marzo de 2005).

Este tipo de participación autonómica favorece a defensa dos intereses das comunidades autónomas, ofrece a oportunidade de intercambiar experiencias con socios comunitarios nos seus respectivos ámbitos, así como establecer unha rede de traballo a nivel europeo.
Galicia cede a representación autonómica á comunidade autónoma de Madrid, que a asumirá durante o primeiro semestre do 2016 baixo a Presidencia de Países Baixos.