Sábado 26 de Maio de 2018

Nava Castro destaca os esforzos que realiza a Xunta de Galicia para conservar e protexer as distintas Rutas Xacobeas


A directora de Turismo de Galicia visitou as obras de acondicionamento que está a realizar o departamento que dirixe no Camiño de Santiago no seu paso polo concello de Cee

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, visitou as obras que está a realizar o departamento que dirixe no Camiño de Santiago na ruta Fisterra-Muxía no seu paso polo concello de Cee.

Na súa visita, Nava Castro explicou que a Ruta Fisterra-Muxía ten unha simboloxía especial pois é a única que ten a súa orixe na cidade de Santiago de Compostela e percorre o camiño ata a punta occidental da Europa Continental ata chegar as metas: o cabo de Fisterra e o santuario da Barca a 89 e 87 quilómetros, respectivamente de Compostela.

Así mesmo, a responsable de Turismo da Xunta destacou os esforzos que realiza a Xunta de Galicia para conservar e protexer as distintas rutas xacobeas, realizando “labores continuas de mantemento, medidas correctoras e acondicionamento dos tramos do Camiño”. Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, “o obxectivo é facer un camiño totalmente transitable”.

Acondicionamento da Ruta Fisterra-Muxía
A responsable de Turismo da Xunta sinalou que o obxecto das obras que hoxe visitáronse consisten no acondicionamento do pavimento no treito do Camiño Fisterra-Muxía que discorre entre Brens e a Capela de San Pedro Mártir, necesario debido a deficiencias producidas pola elevada pendente dalgúns treitos, a coexistencia coa auga no camiño e ao uso de maquinaria pesada. Segundo afirmou, a lonxitude total a acondicionar é de 4.600 m repartidos en catro subtreitos.

A directora de Turismo de Galicia manifestou que, estas obras de acondicionamento e todas as realizadas nos diferentes tramos, “adáptanse completamente ás peculiaridades do terreo” e respectan en todo momento o ancho do camiño así coma os valores tradicionais do mesmo, mantendo a coherencia coas obras realizadas anteriormente e procurando sempre o menor impacto visual posible.

Máis de 262 mil peregrinos no 2015
Por outra parte, Nava Castro, sinalou que o Camiño de Santiago é un “gran elemento captador de turismo internacional” que posiciona Galicia como marca e como destino diferencial.

Neste senso, a directora de Turismo de Galicia falou do número de peregrinos que se achegaron a Santiago polas distintas rutas do Camiño no 2015, un total de 262.515 peregrinos, 24.532 máis que no ano 2014. Segundo sinalou Nava Castro, isto implicou un incremento do 10,31% con respecto aos peregrinos que selaron a súa Compostela no ano 2014.