Luns 24 de Setembro de 2018

Aberto o prazo de inscrición para participar no Entroido de Ordes, que este ano repartirá máis de 4000 € en premios



Os pequenos terán a súa propia Tarde de Entroidada con obradoiros, xogos, baile e moita festa. As rúas da vila volverán ser o escenario principal para o gran desfile e o concurso que terá lugar o Sábado de Piñata

O Concello de Ordes prepárase para vivir un ano máis un Entroido por todo o alto, no que veciños, veciñas e visitantes de todas as idades teñen cabida. A primeira data sinalada será o martes, 9 de febreiro. Ese día a Tarde de Entroidada encherá a Alameda de Ordes de xogos, obradoiros e baile para o desfrute de todos os nenos e nenas. A festa arrancará ás 16.30 horas e perdurará ata as 19.30 horas, aínda que no caso de que chova trasladarase ao pavillón Campomaior.
Ordes encherase novamente de cor e fantasía co Sábado de Piñata, o 13 de febreiro. A partir das 17 horas terá lugar o desfile de carrozas, comparsas e disfraces polas principais rúas do pobo ata desembocar no Campo da Feira, onde se desenvolverá o concurso no que se repartirán máis de 4.000 € en premios. No caso das carrozas serán dous cheques de 600 e 400 €. No caso das comparsas de adultos serán de 400, 300 e 200 €; mentres que nas infantís serán de 225, 175 e 135 €. Os disfraces individuais adultos optarán a premios de 170, 120 e 90 €; que no caso dos máis novos serán de 100, 80 e 60 €. A todo isto hai que engadirlle un premio simpatía de 150 €, outro de 200 € para a mellor comparsa municipal, así como diversos premios accésits por un importe total de 1.000 €.
O prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 10 de febreiro no Departamento de Cultura e Deporte, situado no primeiro andar do mesmo Concello. Tamén se pode formalizar a inscrición a través do 981680002. Poderán participar todas as persoas interesadas en calquera das categorías (individual, comparsa e carrozas): O número máximo de integrantes na categoría individual é de cinco persoas, mentres que no caso das comparsas o número mínimo será tamén de cinco integrantes. Tamén cabe ter en conta que o límite de idade está establecido nos 16 anos para considerarse participante da modalidade adulto. As carrozas non deben ter unha estrutura cunha superficie superior aos 7 m de longo, 3,50 m de ancho e 4 m de alto, sen que exista límite de idade nin número de integrantes.
O Entroido de Ordes é unha das celebracións máis destacadas do calendario municipal, na que cada ano se congregan milleiros de persoas entre público asistente e participantes das actividades, desfiles e concursos que teñen como escenario principal as rúas e prazas da vila. E todo isto contando co patrocinio de Seguros Reale e Jaime Castro asesores.