Venres 18 de Setembro de 2020

O alcalde de Carral trasladoulle á conselleira do Medio Rural a súa intención de solicitar unha subzona na IXP Pan Galego


O prego de condicións da futura IXP Pan Galego recolle que no seu etiquetado poderá facerse referencia a outras zonas onde este produto teña un peso importante

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, reuniuse en Santiago co alcalde de Carral, José Luís Fernández Mouriño, para tratar diversos temas relacionados con este municipio coruñés. Concretamente, o rexedor municipal trasladoulle a súa intención de solicitar unha subzona na Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan Galego para o coñecido Pan de Carral.

Ángeles Vázquez amosouse partidaria desta iniciativa, posto que como xa se recolle no prego de condicións da futura IXP Pan Galego, no seu etiquetado poderá facerse referencia a outras zonas onde este produto ten un peso importante, tal é o caso do Pan de Carral, entre outros.

A conselleira explicoulle ao alcalde que o seu departamento apoiou a IXP Pan Galego porque, nos últimos anos, as panaderías tradicionais están a comprobar como o seu negocio decae pola forte penetración no mercado do pan precocido conxelado. Pero insistiulle en que dentro deste selo cabe a posibilidade de dar mención a outros pans de recoñecido prestixio como o de Carral.

Con motivo desta xuntanza, a titular de Medio Rural puido coñecer de primeira man as necesidades deste municipio coruñés, en especial as relacionadas co agro. Ángeles Vázquez ofreceu ao rexedor a colaboración do seu departamento para traballar a prol da mellora da calidade de vida dos seus veciños e veciñas.