Mércores 08 de Xullo de 2020

O Concello de Ordes solicitará a posta en marcha de dous novos obradoiros de emprego


O pleno de Ordes acordou por unanimidade a solicitude á Consellería de Economía, Emprego e Industria de dous obradoiros de emprego a desenvolver conxuntamente co Concello de Frades, un dos cales iría destinado especialmente aos máis novos de ambos os municipios. As execucións previstas no caso de Ordes serían as escolas unitarias de Santa Cruz de Montaos e Buscás, o parque Pilar Martínez Viqueira, o edificio principal da estación da Pontraga, así como o acondicionamento de espazos verdes. Conxuntamente está previsto un investimento que supera os 700.000 €. Ademais disto tamén se aprobou a cualificación xurídica como camiño de uso público dunha vía situada no lugar de Vilasuso, na parroquia de Beán.

No apartado de mocións o PSOE viu prosperar co apoio de todas as forzas a súa solicitude á Dirección da Saúde Pública para facer unha investigación que atalle a alta taxa de suicidios que se rexistran no municipio. Tamén sacou adiante a súa proposta para declarar Ordes municipio libre de circos con animais. Neste punto Susana García, voceira do PP, lembrou a prevalencia e a intención do seu equipo de rexerse polas normativas e lexislacións actuais de índole autonómica, nacional e europea nesta materia. Tamén fixo público o compromiso mantido polo Goberno Local co benestar dos animais que se utilizan neste tipo de espectáculos, “facilitando e propiciando o control e a supervisión mediante medios propios e incluso solicitándollelo a corpos como o SEPRONA”.

Apoio de todas as forzas

As propostas dos nacionalistas tamén contaron co apoio de todos os grupos de maneira unánime. Demandan a elaboración dun regulamento para a canceira municipal ‘Segunda oportunidade’ “que a día de hoxe xa se está a elaborar e que en breve se fará público” segundo explicou o alcalde José Luis Martínez Sanjurjo. Tamén se dará a coñecer o informe sobre o estado do ensino no municipio no ano 2015, ademais doutra serie de datos sobre a formación do Consello Escolar Municipal (CEM), as datas das reunións realizadas e aspectos relacionados cos informes por emitir.

En última instancia a bancada do PP deu resposta ás peticións presentadas polo voceiro do BNG, Pablo Vidal, en base á execución da ampliación da rúa do Piñeiro ata a súa conexión co núcleo de Reboredo. Martínez Sanjurjo confirmou as reunións mantidas con algúns dos afectados e a súa disposición para “seguir mantendo contactos con todos os propietarios destes terreos sobre os que se realizou esta obra que se levou a cabo dous días antes das eleccións polo antigo equipo de Goberno e da que non se atopou documentación escrita nas oficinas municipais”. Por todo isto o rexedor solicitou máis información ao responsable de urbanismo de UXO, Roberto González, que explicou o procedemento e criterios seguidos para facer realidade un proxecto polo que se levaba loitando “máis de 30 anos”.

No que aos rogos se refire Martínez Sanjurjo explicou que a día de hoxe estase a elaborar un informe para os traballos de reparación de fochas que solucionen os estragos e deterioracións causadas polas últimas chuvias nas vías e espazos públicos do termo municipal. Neste ámbito avanzou a intención de solucionar os asolagamentos que teñen lugar nas inmediacións da zona de Merelle incluíndo esta actuación no Plan de Axudas a Parques Empresariais. Tamén atendeu ás solicitudes formuladas por Verónica Gómez (PSOE) en base á limpeza dos arredores da Rolda Leste, á colocación dun indicador no Mesón do Vento, ademais de informar sobre a finalización da tramitación dos expedientes administrativos para a concesión das axudas en material escolar, as cales daranse a coñecer ao longo dos vindeiros días. “Axudas que este ano foron incrementadas ata os 18.000 € e ás que poderán acceder rentas de ata 9.000 €, o que aumenta o número de persoas que poden acceder a elas polo que a documentación presentada no plazo aumentou considerablemente”, puntualizou Susana García.
Na quenda do BNG pedíronse explicacións do problema de asolagamento de baixos particulares na rúa O Recreo, informándose de que parte destes problemas veñen dados pola baixada particular dun inmoble de titularidade privada, mentres que noutros casos é propiciada pola mala execución dunha obra efectuada polo anterior Goberno, e cuxo custo ascendeu a máis de 50.000 €. O arranxo dun cadro eléctrico na rúa O Recreo; o incremento de actuacións de limpeza nas inmediacións da escola de música tras as fins de semana por parte da empresa concesionaria; a procura dunha solución eficaz nos problemas de humidade que presenta a pista do polideportivo Castelao II, o cal carece de impermeabilización e para o que provisionalmente se están a colocar canóns de calor; a revisión das pontes de Pereira e Vilamaior, que no primeiro caso xa está incluída nun plan de emerxencia para a súa reapertura, ou o traballo levado a cabo en gabias, cunetas e canles dos ríos foron outros dos puntos tratados. Ademais tamén se deu conta da recente visita efectuada polo xefe territorial de Educación, para abordar con carácter xeral a modificación do radio de influencia do CEIP do Mesón do Vento, ademais das necesidades específicas dos demais centros académicos de Ordes.