Luns 20 de Agosto de 2018

A Xunta inicia en Arzúa e Melide un ciclo de charlas informativas sobre as axudas á rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago


A ARI dos Camiños de Santiago dispón en 2016 de 3,2 millóns de euros para axudas

A Xunta inicia en Arzúa e Melide un ciclo de charlas informativas sobre as axudas á rehabilitación de vivendas nos Camiños de Santiago. A Consellería de Infraestruturas e Vivenda percorrerá os concellos beneficiarios das subvencións para informar sobre o proceso para solicitar as axudas do programa ‘Vivendas do Camiño’ e as actuacións subvencionables

A área de rehabilitación dos Camiños de Santiago conta en 2016 cun orzamento total de 3,2 millóns de euros para actuacións de rehabilitación de vivendas e edificios de vivendas. Esta área comprende as sete rutas do Camiño de Santiago en Galicia, incluíndo 107 concellos e preto de 500 parroquias.

As axudas da ARI dos Camiños de Santiago consisten nunha axuda do 35 por cento do orzamento protexible, axuda que pode acadar un máximo de 11.000 euros por vivenda. Poden beneficiarse das mesmas todas as vivendas que cumpran os requisitos e estean emprazadas nas parroquias polas que pasan as sete rutas do Camiño de Santiago. Nas zonas urbanas e de acceso ás vilas e cidades o ámbito queda limitado ás vivendas emprazadas no trazado do camiño.

Consideraranse actuacións protexibles a execución de obras ou traballos de mantemento e intervención en vivendas, edificios de vivendas e vivendas unifamiliares a fin adecualas á normativa vixente. Máis detalles sobre obras subvencionables en http://www.igvs.es/web/actuamos/858.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo realizará charlas informativas na totalidade dos concellos incluídas na mesma, dirixidas aos titulares de vivendas susceptibles de beneficiarse das axudas deste programa, incluído no Plan rehaVIta, plan galego de rehabilitación, aluguer e mellor acceso á vivenda 2015-2020.

Na próxima semana ditas charlas serán nos concellos de Arzúa e Melide, o día 1 de febreiro; en Samos e Sarria, o día 2; na Fonsagrada e Baleira o 3; en Toques e Palas de Rei, o día 4; e en Pedrafita do Cebreiro e Triacastela, o 5. As datas das charlas no resto de concellos da comarca anunciaranse oportunamente. Todos os propietarios de vivendas emprazadas nas parroquias que se citan están convidados a ditas charlas.