Mércores 08 de Xullo de 2020

San Sadurniño ofrece o segundo curso de Inglés da temporada


A academia Edinan en colaboración co Concello continúa ofrecendo a posibilidade de aprender e mellorar o Inglés sen ter que ir demasiado lonxe. En outubro comezou un curso básico introdutorio a esta lingua e agora propón outro de continuación aberto a quen fixese o primeiro e tamén a aquelas persoas que teñan uns coñecementos mínimos. O prazo de inscrición estará aberto ata o 12 de febreiro e o curso durará desde mediados deste mes ata o de xuño. Por outra banda, desde a Oficina de Orientación Laboral lembran que aínda hai prazas para preparar as probas libres de certificación do nivel intermedio B1 e que o próximo día 10 finaliza o prazo para inscribirse na convocatoria de acreditación de competencias profesionais en varias especialidades.

Para apuntarse no curso de reforzo hai que contactar coa academia no correo info@centrodeestudiosedinan.es ou no teléfono 650 198 917. O custo serán 30 euros ao mes e desenvolverase todos os mércores entre as 19.30 e as 22 horas desde o 17 de febreiro ata o 1 de xuño.

O curso de Inglés correspóndese co nivel básico 2 e é especialmente axeitado para aquelas persoas que queiran refrescar e exercitar os coñecementos adquiridos, por exemplo, na escola ou no instituto. Tamén vai dirixido a xente que xa participara no curso de iniciación realizado entre outubro e decembro e, ademais, pode ser un bo punto de partida para preparar máis adiante a proba de acceso á Escola Oficial de Idiomas.

Esta acción formativa está concibida desde un punto de vista teórico e práctico para repasar as competencias lingüísticas tanto orais como escritas. Quen queira obter máis información pode falar co propio centro de estudos e tamén coa Oficina de orientación laboral chamando ao 981 490 027 (ext. 2).

Acreditación de competencias
Desde Orientación Laboral tamén recordan que ata o 10 de febreiro está aberto o prazo de solicitude de participación na convocatoria para a acreditación de competencias profesionais. Trátase dun procedemento que permite recoñecer oficialmente a capacidade para desenvolver distintas actividades por medio da experiencia laboral e/ou da aprendizaxe non formal.

As actividades incluídas nesta convocatoria son as seguintes:

Atención sociosanitaria a persoas no domicilio (SSC089_2): 646 prazas.

Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (SSC320_2): 455 prazas.

Servizos para o control de pragas (SEA028_2): 50 prazas.

Xestión de servizos para o control de organismos nocivos (SEA251_3): 50 prazas.

Socorrismo en espazos acuáticos naturais (AFD340_2): 200 prazas.

Socorrismo en instalacións acuáticas (AFD096_2): 200 prazas.

Extinción de incendios e salvamento (SEA129_2): 250 prazas.

Confección e mantemento de artes e aparellos (MAP005_2): 70 prazas.

Aproveitamentos forestais (AGA343_2): 100 prazas.

Tanatopraxia (SAN491_3): 150 prazas

Para adquirir o certificado de profesionalidade por esta vía hai que ter 20 anos feitos no momento de realizar a inscrición. Tamén fai falla experiencia laboral e/ou formación non formal relacionada coas competencias profesionais que se queren acreditar. Serán necesarios, polo tanto, alomenos 3 anos traballados -un mínimo de 2.000h- nos últimos dez anos ou xustificar como mínimo 300 horas de formación. É imprescindible non ter matrícula en ningún curso de FP inicial nin tampouco estar facendo ningún curso para o emprego relacionado coa mesma competencia que se solicite. Na mesma liña tampouco se pode estar en disposición de obter un título de FP ou unha certificación de profesionalidade que conteña a unidade de competencia que se solicita nin tampouco noutro procedemento de recoñecemento da experiencia profesional ou nas probas libres para a obtención do título de formación profesional do mesmo campo.

O prazo de inscrición nesta convocatoria vai do 12 de xaneiro ao 10 de Febreiro para todas as especialidades, agás a de Tanatopraxia e Aproveitamentos Forestais que vai do 12 de Abril ao 11 de Maio. Quen queira saber máis pode contactar coa Oficina de Orientación Laboral no 981 490 027 (ext.2)