Venres 23 de Febreiro de 2018

A Asociación Maisdetres organiza este sábado unha visita a “Fragaira, froitos silvestres”


A Asociación Maisdetres, en colaboración co Concello de Lousame, organiza este sábado 6 de febreiro unha visita formativa a “Fragaira, froitos silvestres” (Negreira), na que os asistentes poderán coñecer sobre o terreo o traballo que desenvolve esta empresa nicrariense dedicada ao clutivo de pequenos froitos. Unha visita incluída dentro do curso da UNED Senior sobre o aproveitamento do monte, “Cultivando futuro, compartindo saberes”, pero está aberta a todos os que desexen participar. A cota de inscrición é de 10 euros e as anotacións deberán realizarse a través do teléfono 686 783 800 ou do mail arrexo4@gmail.com.

Carmen Freire, directora da Asociación Maisdetres, explica que “con esta experiencia queremos, ademais de dar a coñecer os cultivos, amosar unha vez máis as grandes potencialidades económicas dos nosos montes e do seu aproveitamento integral”.

Fragaira é unha pequena explotación creada no ano 2009 en Negreira e que se dedica principalmente á produción ecolóxica de froitos silvestres. Un proxecto que xurdiu co obxectivo de crear un aproveitamento respectuoso de varias parcelas forestais e agrícolas abandoadas, que foran traballadas durante moitos anos de xeito tradicional e por unha explotación agraria familiar dedicada á producción de leite de vacún. Trás o cese da actividade, as fincas pasaron a un estado de abandono e os terreos forestais sufriron varios incendios.

Os veciños/as de Lousame coñeceran como se recuperaron esas terras abandonadas grazas á plantación de castiñeiros, froitos silvestres, nogueiras e abeleiras nas terras de monte. Ademais, nas fincas de labradío realizouse unha plantación de fresón e un viveiro de plantas para a súa comercialización. A día de hoxe, Fragaira oferta froitos frescos e conxelados e plantas de froitos silvestres, todos eles coa certificación do Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (CRAEGA).

Inscricións

As anotacións deberán realizarse a través do teléfono 686 783 800 ou do mail arrexo4@gmail.com. A folla de inscrición pode descargarse da web do Concello de Lousame (www.concellodelousame.com). O prezo de anotación é de 10 euros e non inclúe o transporte, xa que este se fará en vehículos particulares, aínda que a Asociación Maisdetres porá en contacto aos participantes para que compartan vehículo e así aforren gastos. A expedición contará con dous puntos de encontro: diante do Concello de Lousame (ás 10:00 horas) ou no aparcadoiro do Pazo do Cotón de Negreira (ás 10:45 horas).

Dende Maisdetres propoñen aos participantes quedar a xantar en Negreira, a pe do Tambre se o tempo o permite ou a cuberto a carón da feira nicrariense, en caso de choiva. Como en ocasións anteriores, cada participante levará algún alimento que será compartido nunha mesma mesa.