Venres 16 de Abril de 2021

A Mancomunidade suma en conxunto preto de 1.000 doantes de órganos


Ordes, Oroso e Cerceda, os municipios con maior número de habitantes, son nos que se expiden máis tarxetas

A Mancomunidade de Ordes conta entre a súa poboación con 976 persoas titulares da tarxeta de doantes de órganos. Así o reflicten as cifras achegadas polo Sergas cuxos cálculos inclúen os datos rexistrados dende o ano 1995.
Por concellos os máis numerosos en número de doantes son: Ordes (387), Oroso (222), Cerceda (115), Tordoia (86), Trazo (76), Frades (58) e Mesía (32). Facendo a análise por anos advírtese que a tendencia vai á alza en todos os municipios, froito das campañas de sensibilización emprendidas entre a poboación por distintos organismos e colectivos de índole sanitaria e social. Así no pasado 2015 o concello de Ordes, o máis numeroso dos sete que conforman a Mancomunidade, rexistrou 12 novos doantes, seguido de Oroso con 11, Trazo con 5, Cerceda con 4, Frades con 2 e Tordoia con 1, mentres que en Mesía non se fixo ningunha alta deste tipo dende o pasado 2013.
Ao respecto cabe lembrar os datos feitos públicos polo Servizo Galego de Saúde recentemente nos que se indica que en Galicia 100.495 persoas teñen a tarxeta de doador. Destas, 3.061 son novas tarxetas realizadas en 2015 na Oficina de Coordinación de Transplantes. Ao longo de 2015 na comunidade autónoma leváronse a cabo un total de 338 transplantes, dos cales 168 foron de ril, 94 de fígado, 4 de páncreas, 25 de corazón e 47 de pulmón. Así e todo hai que falar de preto de 40 doantes por millón de poboación, incrementándose a doazón de órganos nun 20% en 2015 con respecto a 2014, datos que se traducen nunha diminución de receptores nas listas de espera dun 24,3%, ata as 321 persoas.