Martes 19 de Xuño de 2018

San Sadurniño acolle o sábado a estrea das curtas do II encontro audiovisual Chanfaina ‘Lab


Máis dunha vintena de creadores e creadoras audiovisuais participaron na fin de semana do 4 ao 6 de setembro na fase de gravación da segunda edición do Chanfaina ‘Lab, o encontro co que se pretende achegar unha mirada distinta sobre o noso territorio. Despois de case cinco meses de traballo -no que moitas e moitos deles viñeron ata San Sadurniño en repetidas ocasións- agora toca ver o resultado da súa mirada persoal, nuns casos ficticia, noutros documental, pero sempre sorprendente e experimental.

Igual que na primeira edición a Casa da Cultura acollerá o pase das pezas do proxecto coa participación das persoas que participaron nel, ben na parte da realización, ben na parte da interpretación ou do apoio loxístico.

E é que no Chanfaina, ademais dos creadores e creadoras, tamén se implicaron unha chea de persoas de San Sadurniño que foron parte fundamental para a produción das curtametraxes. Ao cabo, o obxectivo desta experiencia impulsada en 2014 polo académico Manolo González é o de fomentar a experimentación audiovisual botando man dun mesmo fío condutor: San Sadurniño. Un territorio abordado desde o realismo, o realismo máxico, a ficción, o documental ou desde calquera outra óptica, xa que o seu principal plantexamento é o da liberdade absoluta de temas e formatos.

O sábado a partir das 18.00h. poderán verse 23 audiovisuais de distintos estilos impulsados por realizadores e realizadoras de renome dentro do que se deu en chamar Novo Cinema Galego. A sesión comezará cunha pequena introdución para, inmediatamente, meterse de cheo no pase cinematográfico en que se irán concatenando cada unha das pezas.

A entrada é gratuíta ata completar o aforo e agárdase que a edición deste ano alcance o éxito de público da do ano pasado, cando a presentación ateigou de xente a Casa da Cultura. Porén, quen non poida acudir terá a opción de ver as curtametraxes na canle de youtube de Falamedesansadurnino.org, onde se irán estreando a razón de unha por semana. Cómpre ter en conta que moitas destas pezas circularán por festivais e mostras dentro e fóra de Galicia -mesmo fóra do Estado-, polo que a difusión está máis que asegurada.