Venres 23 de Febreiro de 2018

A Xunta completa a substitución de luminarias para o aforro enerxético en Camariñas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental


O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, e o alcalde da localidade, Manuel Valeriano Alonso de León, asinaron as actas de recepción das obras na Casa do Alemán de Camelle

O delegado territorial da Xunta na Coruña, Diego Calvo, asinou xunto ao alcalde de Camariñas, Manuel Valeriano Alonso de León, as actas de recepción das obras realizadas con cargo ao Fondo de Compensación Ambiental procedente da Consellería de Economía, Emprego e Industria. O acto tivo lugar na Casa do Alemán, en Camelle, e contou tamén coa presenza do portavoz do Partido Popular no municipio, Mauricio Aufiero, e outros concelleiros da corporación.
En total, investíronse máis de 84.000 euros no proxecto de eficiencia enerxética en diferentes alumeados ao longo do Concello, xa que se rexistraron actuacións en Camelle, Santa María de Arriba, Santa María de Abaixo, Brañas Verdes, Pescadoira, Ponte do Porto e Allo.
Ademais da substitución de preto de 300 puntos de luz para aforro na iluminación pública do Concello, a subvención da Xunta de Galicia destinouse á adquisición de paquetes de compostaxe para uso doméstico en vivendas rurais, contedores de envases lixeiros, contedores de bolsa-negra, ou contedores de 240 litros para as praias do municipio.