Venres 23 de Agosto de 2019

Alumnado do IES Maruxa Mallo prepara o primeiro lanzamento dunha sonda estratosférica dende Ordes


Será emitido en directo a través de Internet. O programa inclúe a recollida de datos para o seu posterior estudo. O apoio financeiro do comercio local fai posible esta iniciativa, na que tamén contribúe o Concello

O alumnado de 3º da ESO do IES Maruxa Mallo está a levar a cabo un proxecto que achegará Ordes un pouco máis ao ceo. ‘Cos pés no chan e os ollos nas estrelas’ consiste na construción e o lanzamento a máis de 30.000 metros de altura dunha sonda estratosférica destinada á recollida de información co obxectivo de coñecer un pouco máis sobre a atmosfera e o espazo. Os promotores desta iniciativa científica teñen previsto o lanzamento dende Ordes e a súa emisión en directo a través de Internet o próximo 20 de maio.

O alumnado leva traballando nesta iniciativa arreo dende hai xa algún tempo. A día de hoxe xa tiveron tempo de instaurar unha caseta meteorolóxica para a recollida de datos atmosféricos, labor para o que contan coa colaboración de compañeiros e compañeiras do primeiro curso. Para dar a coñecer o dito proxecto e facilitarlle á veciñanza o seguimento de todo o realizado ata o de agora a sección de Comunicación ten creadas varias plataformas dixitais de fácil acceso. Este é o caso de redes sociais como Facebook (Maruma Sat), Twitter (@marumasat) ou Instagram (@marumasat). Tamén se ten publicado o blog marumasat.blogs.sapo.pt no que se ofrece información e datos de maneira exhaustiva sobre o proxecto, ademais dun vídeo promocional e de presentación a través de Youtube (https://www.youtube.com/watch?v=mSNOgTiFQXM). No caso de querer establecer comunicación directa cos participantes desta iniciativa habilitouse o seguinte correo electrónico: marumasat.ordes@gmail.com.

Ademais tamén se levou a cabo unha campaña de captación de fondos destinados á adquisición do material preciso para a construción da dita sonda. Unha iniciativa que contou cunha resposta altamente satisfactoria por parte do comercio local e de moitos particulares, o que garante a continuidade do proxecto. Neste sentido alumnos, alumnas, profesorado e directiva do centro agradecen publicamente a colaboración e axuda brindadas.

Formación complementaria
Para complementar todo o proceso de aprendizaxe tamén se visitou o observatorio astronómico de Forcarei e o centro de MeteoGalicia. Charlas e conferencias sobre astronomía e temáticas relacionadas, como a ofrecida polo investigador da USC Pedro Pablo Campos, complementan o programa desenvolvido ata o día de hoxe.

Como é habitual o Concello de Ordes vén de confirmar a súa colaboración directa cunha iniciativa académica desta índole. Un apoio que se levará a cabo nas áreas de comunicación, loxística e financiamento para darlle a maior repercusión posible. Así se acordou tras a xuntanza mantida coa concelleira de Educación, Susana García.