Mércores 03 de Marzo de 2021

A nova Lei do Solo entrará en vigor o próximo 19 de marzo co obxectivo de facilitar e axilizar a redacción do planeamento urbanístico aos concellos galegos


O Diario Oficial de Galicia publica hoxe este texto normativo aprobado a comezos de febreiro no Parlamento de Galicia

A novo Lei do solo entrará en vigor o próximo 19 de marzo, coa finalidade de facilitar e axilizar a redacción do planeamento urbanístico aos concellos galegos. O Diario Oficial de Galicia publica hoxe (http://bit.ly/1oOwNZu ) este texto normativo, un dos máis importantes da actual lexislatura e aprobado o pasado 9 de febreiro no Parlamento de Galicia, un texto lexislativo accesible para toda a cidadanía e moi participado pola sociedade e da que se aceptaron un 80% das propostas presentadas.

Tal e como destacou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, o día da aprobación deste texto, Galicia conta cunha nova Lei do Solo que permitirá dotar a todos os concellos de planeamento, un obxectivo prioritario posto que o 73% dos concellos galegos non teñen o seu planeamento adaptado ou carecen del.

A nova lei do solo é un texto máis sinxelo e simplificado –coa redución dun 31% de artigos respecto da normativa anterior-, que prevé a redución de trámites- acurta nun 75% a tramitación autonómica dos plans-, o que representa unha oportunidade de crecemento, que nace con vocación de futuro e de permanencia; e que pon o interese xeral que supón a paisaxe por riba de calquera interese privado ou particular.

A modo de exemplo, a lei establece o marco necesario para que as construcións se adapten ao contorno, grazas ao fomento da recuperación do xa construído fronte a novas estruturas e reforza a obriga de rematar exteriormente as construcións, poñendo fin ao deterioro das paisaxe galega. Nese sentido, é un novo marco normativo que facilita o desenvolvemento sustentable do rural, que impulsa a protección do mesmo, pero garantindo ao mesmo tempo as súas posibilidade de desenvolvemento.

Unha das medidas que recolle esta nova lei é a creación de novas figuras como o Plan Básico Autonómico e os Plans Básicos Municipais, destinados a servir de apoio aos concellos con menos de 5.000 habitantes, que son os que maiores dificultades técnicas adoitan atopar para elaborar un planeamento. Estes concellos terán a liberdade de elixir se fan eles o PXOM ou se o fai a Xunta a través do Plan Básico Municipal.

Dende a Xunta de Galicia deféndese que este texto normativo axudará a contar cunha Galicia ordenada, sostible, capaz de crecer e de ser competitiva, ao tempo que respecta o seu patrimonio, os seus valores naturais e a súa paisaxe.